Editorial
CONSTRUÍNDO UNHA ALTERNATIVA PARA A CLASE TRABALLADORA
O 1º de maio foi entendido sempre polo nacionalismo galego non como unha data ritual, na que facer desfilar inofensivas bandeiras que o resto do ano fican recollidas. Ao contrario, o contido combativo e de loita que sempre mantiveron as principais mobilizacións desta data no noso país, son correspondencia directa dos centos de loitas laborais e sociais que en Galiza, como marco de loita de clases, se dan durante todo o ano.
A nosa clase dotouse, grazas ao compromiso e esforzo de miles de compañeiras e compañeiros durante as últimas décadas, dunha ferramenta sindical como a CIG, imprescindíbel na defensa dos seus dereitos laborais, que non se limitou nunca ás reivindicacións de
carácter sindical ou económico e que foi capaz sempre de manter unha mensaxe fortemente politizada, defendendo día a día a transformación da realidade no camiño dun novo modelo socioeconómico, baseado na xustiza social e pensado ao servizo das maiorías, das clases populares. O sindicalismo nacionalista
conseguiu medrar e fortalecerse mantendo aceso o facho da loita de clases, negando así os discursos (sostidos por CCOO, UGT e os partidos do sistema) que negan as contradición entre explotados e explotadores practicando un interclasismo mal entendido que nega as contradicións insalvábeis entre capital e traballo. Por desgraza, boa parte da dirección do nacionalismo oficial aderiu a esta teoría, propondo gobernar por igual “para todos” como se fose posíbel conciliar nas políticas sociais ou laborais intereses que son antagónicos.
A autoorganización da clase traballadora faise imprescindíbel ante unha realidade na que a crise económica da que todo o mundo fala comeza a facerse realidade. Unha crise económica consecuencia do fracaso do modelo de acumulación do capitalismo neoliberal. Unha
crise que, de novo, pagaremos as e os de sempre. Nos tempos duros que virán, é precisa unha resposta forte e contundente pola nosa parte. Por iso, e frente ao alonxamento cada vez mais acentuado entre a maioría de galegas e galegos que sofren este sistema e as forzas políticas que din representalos, é hora de que a clase traballadora sexa capaz de erguer tamén no plano estrictamente político unha alternativa que defenda os seus intereses, tanto os imediatos como os estratéxicos, e é con ese obxectivo que o MpB naceu hai uns meses.
Vemos como a dirección do BNG retira progresivamente da súa axenda a defensa de que sofremos cada día a explotación mais descarada. A fronte, que naceu como unha alianza das clases populares para a liberación nacional, foi diluindo progresivamente o seu discurso de esquerda e transformador, como consecuencia directa do feito evidente de que ningunha das forzas que o integran aspira xa a representar nen conceder o protagonismo á clase obreira.
Representar eses intereses, tanto no seo do BNG como no conxunto da sociedade, é o papel do MpB neste momento histórico, para contribuir no camiño da recuperación do proxecto histórico do nacionalismo galego, que poña en primeiro plano a defensa das maiorías e aposte sen complexos pola soberanía nacional, proxecto abandonado por certos líderes que xa só aspiran a que os galegos colaboremos na gobernabilidade de España a cambio dunhas migallas.
O Movemento pola Base, sen pretensións absurdas de autoproclamarse neste momento vangarda de nada nin ninguén, reafirma o seu compromiso de seguir a traballar na construción desa alternativa na que estamos empeñados desde que nos constituímos. Unha alternativa que aposte pola transformación profunda da realidade, co horizonte posto nos obxectivos revolucionarios da liberación nacional e o socialismo, un futuro que debemos comezar a construir desde xa.