#01 Pola Base

Editorial

UNHA NOVA ORGANIZACIÓN PARA LOITAR

O pasado 28 de outubro culminamos con unha Asemblea Nacional nos arredores de Compostela o noso proceso constituínte, logo de varios meses de debates e contacto con persoas de todo o país. Alí,
decidimos dar a luz unha nova organización política alicerzada na defensa dos intereses da maioría social -a clase traballadora- e que aposte decididamente e sen complexos pola ruptura co actual sistema capitalista e a nosa dependencia nacional, apostando estratexicamente polo socialismo e a consecución dun Estado propio como alternativa.

O Movemento pola Base, que naceu como un colectivo de militantes nacionalistas críticos coa deriva do BNG tanto no terreo ideolóxico como organizativo, comeza agora unha nova andaina, na que sen
renunciar á batalla pola recuperación dos postulados históricos do nacionalismo popular e convertirse no referente de toda a militancia crítica da fronte, traballará directamente no seo da nosa sociedade: na rúa, nos centros de traballo, nas mobilizacións populares, no tecido asociativo e de base, no movemento sindical… trasladaremos
as nosas propostas co convencemento de que é posíbel promover novas fórmulas de participación política, horizontais, democráticas e que recuperen o sentido transformador desa palabra tan desprestixiada polos políticos profesionais.

Priorizamos o traballo de base, desde abaixo, e a mobilización social antes que o campo institucional, que pensamos debe subordinarse ao primeiro e non á inversa. Temos a vontade de funcionar como un revulsivo para volver mobilizar a un amplo sector social, militante ou non, até agora instalado na apatía e o desánimo.

Queremos contribuir á reconstrución do movemento popular galego en todos os ámbitos, e a colaborar en pe de igualdade con todos aquelas organizacións e colectivos que aposten pola superación do
marco xurídico-político imposto ao noso país, sen sectarismos e desde a lealdade mútua. Nun momento político nada favorábel para os intereses dos sectores populares, que ven cada vez más recortados os seus dereitos sociais e laborais ao tempo que se degradan as súas condicións de vida, a resposta faise máis necesaria e urxente.

A construción dunha ferramente política que organice esa resposta é o traballo no que o Movemento pola Base está empeñado desde o seu nacemento.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

O BNG e a Cidade da Cultura

Documento elaborado polo Movemento Pola Base en 2008 trátase dun documento que incide na necesidade dunha análise demorada por parte da dirección política do BNG do proxecto do Goberno Autonómico na altura sobre continúar adiante co proxecto de “remodelación” da Cidade da Cultura.