Search
Close this search box.

Facermos do BNG un instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social

Documento de análise do BNG en 2006

Preámbulo
No ano 1982, o BNG aprobaba os seus principios políticos fundacionais. Así, afirmábase que “Galiza, como nación, ten dereito á autodeterminación e ao exercicio da soberanía nacional”, expresábase a “defensa da democracia e dos intereses populares”, a “necesidade de autoorganización política e social e non dependencia nas relacións de Galiza”, apostaba pola “solidariedade, antiimperialismo, paz e desarmamento no concerto internacional” e defendía un “modelo social” de “desenvolvemento económico contrario á dependencia de Galiza a prol do benestar de todo o pobo”.

Nesa Asemblea Fundacional tamén se asumía que “o nacionalismo é a resposta contra unha situación de dependencia económica, opresión cultural e política de Galiza que imposibilita a transformación e benestar da sociedade”.

Porén, as e os militantes que redactamos e/ou subscribimos os contidos deste documento de debate compartimos a preocupación polo rumbo político que vén seguindo a nosa organización. Un rumbo político que supuxo o abandono progresivo deses principios e que levou a nosa organización cara a unha deriva que se plasma en dous planos diferentes mais interrelacionados: o político-ideolóxico e o organizativo.

Desa preocupación común xorden os nosos anceios en prol dunha maior intervención no traballo político da nosa organización, co fin de enfrontar os problemas detectados e de procurar irmos corrixindo colectivamente as eivas que hoxe dificultan a andaina dese tan fundamental como poderoso instrumento para a acción política que en Galiza é o BNG. Por iso, logo de múltiples xuntanzas, un amplo e diverso grupo de militantes nacionalistas decidimos iniciar un proceso de conformación dun novo colectivo dentro do BNG, que demos en chamar “Movemento pola base”, para ocuparmos un espazo político abandonado dentro da nosa organización. Un colectivo que nace para defender un modelo diferenciado do hoxe practicado pola dirección da nosa organización e dos grupos que a apoian, ante o que consideramos unha
traxectoria errática que nos dirixe cara á plena integración no sistema: un BNG no que a maioría das decisións políticas
están máis afastadas do que Galiza precisa para poder autodeterminarse e do que as clases populares demandan para
poderen emanciparse.

A nosa decisión está baseada na autoexixencia de responsabilidade coa situación e na necesidade de formulación de alternativas ante a incapacidade política da dirección da nosa organizacióhn para dar respostas acaídas tanto interna como externamente aos problemas políticos e organizativos que se teñen constatado nos últimos tempos.

Somos a militancia do BNG os e as que temos que nos convencer de que só recuperando a iniciativa política poderemos ter máis peso político e social. Cando dicimos isto, estamos a pensar nos traballadores e traballadoras galegas, que son a maioría social, tamén no conxunto da sociedade galega, en Galiza, porque cremos que é importante gobernar, pero non a calquera prezo.

Aínda que sabemos que nesta etapa non imos acadar a plena soberanía nacional, dada o actual contexto político e a correlación de forzas existente (factores sempre mudábeis), non podemos renunciar á súa referencia obrigada na estratexia actual porque só deste xeito seremos quen de integrar, en pé de igualdade, a todas as organizacións do movemento nacionalista para facermos o camiño até a consecución do dereito de autodeterminación, que si é o obxectivo final para o que foi creado o BNG.

No entanto, as persoas encargadas de redactarmos estes textos, por forza plenamente abertos e moi precisados doutras voces, facémolos chegar a todas e todos os que queiran participar do debate, imprescindíbel e esperamos que frutífero, para un mellor resultado final. Queremos deixar constancia de que o noso obxectivo vai máis alá da disidencia teórica e do que se está a facer no BNG; de aí o noso compromiso en sumar traballo e loita con outros compañeiros e compañeiras no terreo da práctica política, dos que tanto precisa a nosa organización frentista.

Debemos facer crítica e autocrítica na organización, porque sen este exercicio interno poida que os nosos principios queden convertidos en reliquias conceptuais. Hai que combater a inxustiza; construír desde abaixo cos de abaixo; deixar sen espazos de acción e de representación o individualismo e o localismo. Gobernar é algo máis que xestionar. Ningunha nación debera ser gobernada por publicistas ou expertos en imaxe, porque máis cedo que tarde aparece a evidencia política da falla de peso, e as verdades a medias dan en apropiarse aos poucos do espazo.

A democracia da que tanto falamos é o goberno do pobo e non pode ser un goberno dunha elite maquillada de democracia co disfrace de engano electoral. A democracia para nós é tamén a toma de consciencia política por parte do pobo, ou sexa, o coñecemento das causas da opresión, inxustiza e explotación da maioría por unha minoría, o que aplicado na vida interna dunha organización significa formación e, ademais, facer posíbel a vontade e as demandas do
colectivo, para que estas se transformen en decisións e actos da dirección e nunca ao revés.

Comparte:

As últimas entradas

O BNG e a Cidade da Cultura

Documento elaborado polo Movemento Pola Base en 2008 trátase dun documento que incide na necesidade dunha análise demorada por parte da dirección política do BNG do proxecto do Goberno Autonómico na altura sobre continúar adiante co proxecto de “remodelación” da Cidade da Cultura.