Candidatura do MPB á XII Asemblea Nacional do BNG en 2006
Introducción
Nos últimos tempos o BNG está a sufrir unha deriva que se plasma nas súas orientacións político-ideolóxicas, e que tamén ten traslación ao ámbito organizativo. A actual dirección da organización está a impulsar un BNG que se afasta sensibelmente do proxecto histórico que a nosa organización representa para o país, como instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social. Non é necesario buscar demasiado para perceber o descontento e desánimo que entre a militancia xera esta situación, polo que pensamos que compre reaccionar.
Dun tempo aquí son evidentes as tentativas de ancorar a fronte nacionalista nas marxes do autonomismo (renunciando, polo tanto, ao seu papel de forza política soberanista), cuestión esta que se está a agravar no debate estatutario aberto en Galiza, onde se opta de facto por lle atribuír ao noso país un papel subsidiario a respecto do Estado Español. Debate estatutario onde, por certo, as bases do BNG foron conscientemente esquecidas, arrogándose a dirección todas e cada unha das decisións que afectan a un asunto de tanta transcendencia como este.
Preocupante é tamén o esvaemento das posicións sociais transformadoras que sempre formaron parte das preocupacións da organización. O necesario medre do espazo institucional gañado para o nacionalismo significou un abandono de posicións de esquerda, favorecedora dos intereses da maioría social galega. Ademais, elementos definitorios do BNG como o seu compromiso coa lingua e cultura propias ou coa preservación do noso medio van perdendo intensidade nas políticas desenvolvidas polo BNG.
Xuntamente con isto, vense camiñando cara a un modelo organizativo diferente, que abandona o asemblearismo como principio reitor e favorece o verticalismo na toma de decisións. Fúrtase o debate, o contraste de ideas e a construción do consenso na toma de decisións, pola que a base militante vai perdendo a capacidade de participación no seo do BNG.
Por estes e outros problemas é polo que o Movemento pola Base está a articularse por todo o país, na consciencia de que é posíbel, necesario e urxente modificar o actual estado de cousas no BNG, sempre desde o noso compromiso e a nosa lealdade co proxecto político, en clave nacionalista e transformadora, que o BNG representa.